miércoles, noviembre 23, 2005

Leves, fráxiles
nin esculpidas en pedra,
nin forxadas en ferro,
as palabras,
alento breve
no medio do inmenso xelo,
a penas un eco,
o palpexar
dunha pequena luz
na noite.
Tan soas e desvalidas,
tan vulnerables.
(Nin madeira, nin pedra, nin aceiro.)
Déixoas caer
como fillas perdidas
na indiferencia que as acolle.
Cavilo, ¿qué farán sen min?
A penas tremor de ar,
tépedo pálpito de brisa,
as palabras
tenaces resisten
conmovidas,
pequenas chamas
alimentadas de amor
contra o tempo.

6 valentes:

O 24/11/05 11:40 p. m., Anonymous Anónimo dixo...

Gustoume moito este poema, mirei na biblioteca e atopei dous libros do autor, Memoria de agosto e O sol entre os dedos. Cal me recomendas?

E xa que estamos, recoméndasme máis poetas galegos?

Grazas por incluír anacos de poesías e letras de cancións no blog, eu que son máis de novela estou descubrindo autores moi bos que non coñecía, como este.

Biquiños dende Barcelona,

Gemma.

 
O 25/11/05 12:35 a. m., Blogger Arduina dixo...

Pois non che saberia dicir. A min gustanme moitisimo Pondal, Cabanillas e Enríquez (Pondal é marabilloso, ler a súa poesia é coma ver unha peli bélica chea de honor), pero non son actuais. Eu leo poesia a traves da Biblioteca Virtual Galega, e cando atopo algo que me gusta fago coma ti. E de paso o poño no blog.
Tes o enderezo aqui http://bvg.udc.es/index.jsp podes botarlle unha ollada.
Ainda non fun á biblioteca esta semana, achegareime mañá a ver se teñen algo. Vou coller Memoria de Agosto, se queres podes collelo ti tamen e logo comentamos :)
Non pensaba que habia xente que lese as poesias que poño, que ben ^^ Agora aplicareime mais para seguir buscando cousas que me parezan boas para compartir, coma estas poesias.

 
O 29/11/05 9:11 a. m., Anonymous Anónimo dixo...

Xa teño Memoria de agosto, gustaríame moito comentalo, aínda que non se me dea demasiado ben (un amigo dicía que o meu nivel de comentario é o de "megustismo", decote só sei dicir se me gustou ou non), pero quero intentalo, pode ser divertido.

G

 
O 29/11/05 10:08 a. m., Blogger Arduina dixo...

Ai, ai! O venres non puiden ir á biblioteca, pero deste non pasa!
Coas coñas de que saio ás 20h só podo facer estas cousas os venres.
Lichelo xa ou ainda non comezaches?

 
O 29/11/05 12:54 p. m., Anonymous Anónimo dixo...

Non, aínda non o comecei, estou a ler Xeración perdida, de Francisco Castro (descubrín o seu blog de literatura e tiven curiosidade por saber como escribía). Rematareino hoxe ou mañá, supoño, estame a gustar moito.

 
O 29/11/05 12:58 p. m., Anonymous Anónimo dixo...

Se queres podo esperar ata o venres, teño que ler tamén o Libro de buen amor

 

Publicar un comentario

<< Home