viernes, marzo 10, 2006

A mudanza xa case está. A partir de agora verémonos no Recuncho http://www.orecuncho.com
Ainda non pasei a lista de blogs que leo, e alguns posts teñen titulos raros. Pero está xa todo operativo!. Este recunchiño despidese, agardovos no novo! :)

jueves, marzo 09, 2006

Estou de mudanza.
Acabo de namorarme do Wordpress :)
Hai tempo que quero marchar de blogger por unha serie de cuestións. Merquei www.orecuncho.com para facer unha web, pero non teño tempo, así que a empregarei no novo Recuncho.
Teño que mudar a plantilla, poñer as ligazóns ós weblogs que visito, o contador, o idioma... Facer un recuncho algo mais persoal. Pero vai tirando. O WP trae unha ferramenta de importación que me deixou pampa, non tardou en importar as anotacións nin quince minutos.
Agora estounos a clasificar. Tamen lles teño que sacar ese titulo numerico que teñen alguns (non sei como facer para que non teñan titulo por defecto, nalgúns borro directamente os numeros).
Moito traballo por diante, pero coido que estou a mellorar isto un pouco.

lunes, marzo 06, 2006


Teño que ir como sexa, teño que ir!

Fago unha parada nesta estresada mañá.

Este sabado na Repichoca actuou un grupo belga, cunha musica preciosa, e uns bailes moi orixinais. Foi unha falcatruada tremenda, logo veu mais xente, marcharon os belgas e tocoulle-lo turno ós gaiteiros de aqui, con clarinete e acordeon incluidos.
Por uns momentos pensei que só por iso, non quería deixar Coruña. Botaría en falla ese ambiente. É un luxo poder escoitar e ter tan preto a musicos tan bós. Ademais que o bó é a espontaneidade, a xente canta, baila, toca se quere...
A miña nai di que me asemello moito á miña avoa niso, xa non é a primeira vez que o comenta. Coñecina pouco porque cando eu era cativa ela xa estaba bastante senil, pero a miña nai tenme contado que bailaba sen saber no medio das festas e que era moi coma min (ou eu coma ela).

Un amigo do meu mozo vai traballar a Cork (polo menos xa temos aloxamento gratis ali, jaja). Cada vez que me falan de Irlanda sinto unha morriña tremenda, pero cada día que pasa estou mais convencida de que me vou quedar na Coruña. Comezo a ver as cousas boas.
Estivemos falando un pouco, conteille o que me parecera Cork o pouco tempo que eu estivera ali (que raro se me fai escribir iso, "eu estiven en Cork, estiven en Dublin, en Dingle". Semella un conto, algo irreal). Dame rabia non ser eu a que vaia.
Conseguin plantexarlle isto ó médico, e foi unha liberacion moi grande. Precisaba escoitalo de outra persoa allea "Ou Irlanda sen o teu mozo, ou Coruña con el".
Os meus pais sempre me din que o meu mozo non me ten que frear, e doulle-la razon. Pero é coma un brazo ou unha perna, non podo cortar unha perna, deixala aqui e marchar. Sería unha semi-María :D

Un dia falando coa miña madriña, dixo que o seu marido fora o seu primeiro e unico mozo. Que o queria moito, pero que no fondo gustarialle ter probado mais cousas, estar con mais mozos, viaxar mais.

Hai un mes, falando co meu mozo, neses momentos profundos nos que non hai ninguen na rua e sintes que tes que falar de cousas importantes, conteille que quedara aqui por el (con outras palabras). Dixenlle que non queria estar soa alí, que non me importaba quedar se estaba el. É a verdade. Non quixen dar mais detalles porque sei que se sentiria culpable. Se el é capaz de vir comigo ata alí a vivir para que estea ben co pouco que lle gusta viaxar, eu tamen podo quedar e facelo feliz a el (por este tipo de cousas que conto é polo que non sabe nada do meu weblog, penso que hai cousas que non se poden contar).

Así que nada, a Repichoca fixome pensar. Agora xa non me doe tanto. Pero sigo tendo prohibido por min mesma ver as webcams de Irlanda, jaja, antes era adicta! Así que tirei de Google para ler experiencias de galegos e de amantes de Irlanda en xeral. E din que a música tradicional alí é para turistas, que a educacion infantil é unha merda, que non hai garderias. Aaah, que ben me sentou!
Encantoume ler os defectos de Dublin, por exemplo.
Pensaba "joder, Coruña nunca me gustou, pero polo menos a miña música non é para turistas nin me vou sentir coma tal por escoitala".

Este é un tempo de cambio para min. No traballo, porque estou tendo unhas responsabilidades grandes e vou saca-lo meu primeiro libro deseñado. Na saúde porque por fin estou saindo na merda esta na que entrara. No tema de amizades, porque estou aprendendo a valorar á xente dende outro punto de vista e a non ser tan esixente. No tema do meu mozo, que xa fixemos tres anos xuntos e as cousas siguen mellorando. No da vivenda, que se teño sorte en xuño comezo a buscar un piso de aluguer. E en tantas cousas... Ademais estou conseguindo baixar de peso, que me ven moi ben, e xa non falo de estética, senon de saude.
Fagome vella.

Onte un rapaz no ascensor dixo "Vostede a que piso vai?".

Vostede

.
Manda carallo.

Onte rematei Corazón de tinta, de Cornelia Funke.
Ten un comezo estupendo, cun ritmo perfecto, e nunhas poucas páxinas contanos moitas cousas. Indirectamente describe ós protagonistas, o ambiente que os rodea.. É algo que sempre admirei nun escritor, que sexa capaz de non dicir moito e á vez de estar dicindo todo.
O libro en xeral gustoume. Sobre todo a descripción dos amantes dos libros, desa xente que ten estanterías (ou a casa) chea deles, e son coma un tesouro. Pero penso que cara a metade o ritmo baixa un pouco ainda que non é a intención da autora. E deixa un sabor de boca algo raro. Pero que ben o pasei mentres o lia!
Fálase de sacar (e meter) personaxes dos libros. Deume que pensar, porque o meu escritor preferido é Lovecraft, pero nin de coña querería ir a parar a un dos seus relatos! E seguia pensando e non atopaba un libro no que querer estar. Nos que máis me gustan de Enid Blyton tería problemas por ser rapaza (naquela epoca xa se sabia), nos de Lovecraft quedaria morta de medo, nas novelas romanticonas que a veces leo pasan moitas desgracias... todos tiñan un pero. E pensando nos que lera hai moitos anos, lembrei El Árbol Lejano, da Blyton. Unha árbore na que viven fadas e trasnos, e na copa hai un pais diferente cada certo tempo (o pais das lambetadas, o pais do revés...). Sen dúbida, encantaríame estar nese libro.

Agora estou lendo Sanguinarius, que edita Valdemar na coleccion Gótica. Se tivese moitos cartos mercaba toda a coleccion. Este libro recopila 13 relatos de vampiros.

Logo teño Sputnik, mi amor. Estou leda porque ademais da biblioteca á que ía, en Rego de Auga, vou tamén á de Duran Loriga, que ten moito libro xuvenil, e de paso ten manga e cousas de Valdemar Gótica, programas de ordenador, discos... Sempre terei algo que ler, e iso é bó :)

sábado, marzo 04, 2006

Veño de ver "Miraxes", na Telegaita.
Non sei como sera outras veces, pero hoxe encantoume! Saía xente da aldea contando o que lles pasara co lobo, contos de pantasmas... Habia unha señora quenamentres contaba unha historia, á dereita víase o fuciño dun cabalo comendo, jaja.
Que bonito, ademais velliños, falando galego do de sempre.

viernes, marzo 03, 2006

Faime gracia mirar para a xente cando pasa a carón dun escaparate. Miranse a eles mesmos, o seu camiñar, o seu estilo, o seu físico... e cando xa non hai escaparate, miran para diante con outra cara (ou mellor ou peor, dependendo do reflexo).
A min iso non me vai nada, pero teño unha amiga que se mira ata nos retrovisores dos coches. E nas escaleiras mecanicas do Corte Ingles, jaja.
Faime moitisima gracia que a xente o faga.

Cando hoxe me loguei en blogger para poder escribir esta anotación, estiven a fixarme nas páxinas e nas cousas que ía cargando (estadísticas, cabeceiras... etc).
E no medio de todo iso aparecía http://www.tamborileros.com, unha web da que non oin falar na vida.
¿E qué facía na miña paxina de blogger, se alí non hai anuncios nin nada? Misterio!

lunes, febrero 27, 2006

"Mañá danme as probas da portada que fixen para o libro na imprenta. E non teño medo, porque se sairon mal, poderei melloralo."
Pos saíron ben :-) O da imprenta fitaba para min con cara rara, non debe ser normal que alguen se alede de que algo se imprima, jaja.

domingo, febrero 26, 2006

Tiña ganas de contar cousas. Das decisions que tomei. Pero hoxe sintome tan ben... Dame medo perder esta sensacion se o conto.
Mañá danme as probas da portada que fixen para o libro na imprenta. E non teño medo, porque se sairon mal, poderei melloralo.
Por primeira vez en todos estes meses, son capaz de pensar coma pensaba antes. Se algo non sae ben, hai que intentalo de novo.
Por iso me sinto asi. Teño ganas de esforzarme outra vez, de pelexar para que me saian as cousas como é debido. Quizais por fin o meu cerebro xa non se sinte mal.
Son feliz só de pensar que teño a tarde para ver anime e ler os libros que mais me gustan de Enid Blyton. Por fin o podo dicir, son feliz coas pequenas cousas, coma o era antes.
Oxalá que dure. Ten que durar! Sintome como a María de verdade, xa era hora.

En Maio termino de paga-lo prestamo que pedin para viaxar a Irlanda. E terei o meu soldo para min!
Poderei por fin mirar un pisiño na rúa da Torre, ou en Orillamar. E deixarei este barrio-dormitorio no que vivo, no que nunca hai ninguen paseando. E a miña casa estara aberta a quen queira vir, terei unha habitacion só para os libros onde poñerei a mecedora que tiña a miña avoa. E ali estarei quentiña lendo, en tardes coma as de hoxe.