lunes, diciembre 05, 2005

Pódese dicir máis alto, pero non máis claro. Como dixo José Manuel Ponte no seu artigo, o porto exterior de Arteixo "non será superporto, nin porto refuxio, nin porto de contedores, nin punto intermedio para o comercio entre EEUU e Europa, como se nos ven dicindo, senón un porto para servicio case exclusivo da refinería de Repsol". Hai que ser moi imbécil para pensar que un porto que será inaccesible os días de forte temporal, pode converterse nun porto refuxio, ou que un porto situado en Arteixo pode ser un punto intermedio para o tráfico de mercadorías entre Europa e EEUU, e converterse en alternativa os portos de Róterdam ou de Hamburgo. Para que iso fose posible tendríamos que converter Galicia no motor industrial de Europa, e non hai perspectivas de que iso sexa así, nin a medio nin a longo prazo. ¿A que empresa Europea ou Americana se lle pode ocorrer utilizar o porto de Arteixo como centro loxístico para transporta-las mercadorías dende EEUU, México, ou Canada, o norte, o centro, ou o este de Europa, ou a inversa?, sen infraestructuras de transporte terrestre adecuadas, co custo adicional no que incorrería, e coa perda de tempo que iso supoñería. Como moito, no que a tráfico de contedores se refire, o porto exterior de Arteixo pode restarlle algún tráfico o porto de Vigo, converténdose no seu competidor artificial, igual que se converteu a Alvedro no competidor artificial de Lavacolla. Estamos na periferia de Europa, e iso o alcalde sabeo moi ben, aínda que a veces fale como si A Coruña fose o centro do universo.
Con isto non pretendo dicir que Francisco Vázquez sexa un imbécil por dicir os disparates que di, nada máis lonxe da realidade, pero si que il e o ruín e o miserable, por recorrer constantemente á falacia, á mentira, á hipocrisía e á demagoxia, para sacar adiante os seus proxectos políticos e persoais, e non os que critican que a obra de punta Langosteira se financie con Fondos de Cohesión.
O interese xeral i estratéxico da obra que se vai a construír en punta Langosteria púxose de manifesto pola forma na que se aprobou o proxecto, e nas enormes dificultades que se atoparon para conseguir o financiamento. Máis aló dos intereses electorais, e da covardía de algúns para dicir o que pensan, a ninguén se lle escapa que o interese xeral desa obra remata dentro dos límites territoriais do núcleo urbano da Coruña, e cos postos de traballo que se van a crear durante a súa construcción, si ben esto último, tamén se podería conseguir construíndo unha muralla que rodease a cidade. Posiblemente unha obra como esa incluso sería de maior agrado para o alcalde e algúns centos de coruñeses dedicados en corpo e alma a construcción dunha cidade-estado, que mira o resto de Galicia por encima do ombro. Maila o dito, dende o punto de vista do interese xeral, o investimento estaría totalmente xustificado si servise para "pechar o ciclo vicioso do localismo exacerbado, e abrir o virtuoso da política en clave de país", como dixo Anxo Quintana, pero me temo que se trata dun episodio máis na escalada dese localismo exacerbado.

Isabel Varela
A Coruña

www.laopinioncoruna.com